É costume nos últimos anos que a Semana Santa de Viveiro se presente en cidades que tamén teñen importantes celebracións da Paixón, e que se desplacen desde a cidade de Viveiro as súas primeiras autoridades, o Presidente da Xunta de Cofradías e altos cargos das diversas Agrupacións para representar e presentar as magnas celebracións viveirenses da Paixón do Señor. Así acudiuse a Madrid, Valladolid, A Coruña, Vigo, Gijón ou Santiago.
Neste caso, a cidade é a capital lucense, e presentes están neste acto o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel; o presidente da Xunta de Cofradías, José Veiga; a voceira desta Xunta, Maricarmen Chipe; os titulares das oito confrarías viveirenses, e varios destacados directivos. E estamos na casa da provincia, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, presididos e acompañados nesta presentación polo titular da Institución, José Ramón Gómez Besteiro, ó que agradecemos a acollida, e o seu especialísimo apoio á Semana Santa de Viveiro.
Quere o que xa é unha tradición que faga esta presentación que hoxe eu fago un destacado viveirense, ou quen ostente determinada responsabilidade política, social ou relixiosa. Non é así este ano, senón que a Xunta de Cofradías, por deferencia que me fai gran honra e que eu agradezo, nomeoume o seu representante ou voceiro para este acto, tendo en conta non os meus méritos senón o amor que teño por Viveiro, a cidade á que acudo cada ano desde hai máis de trinta para presentar a súa Mostra Folclórica Internacional. E se xa tiña querencia por este pobo onde vin por primeira vez o mar, ese natural amor foi convertíndose en devoción ano tras ano, pola acollida das súas xentes, polo seu entusiasmo, por ser a cidade lucense onde cristalizan tanta fe, tanto traballo e tanta ilusión.
Hai anos, trinta e tantos, corenta quizais, viveirenses que eu coñecía, queixábanse de lonxanía da súa terra en relación coa capital... non se recibían as emisións de radio, nin as canles de televisión, as estradas deixaban a Viveiro moi lonxe, nunha esquina do mapa que facía temer que puidese chegar a ser un enclave que a veciña provincia coruñesa acollese amorosamente, e sen embargo transformouse nunha proa, nunha rella que avanzaba hacia terras coruñesas proclamando ser parte principal do territorio lucense con vida propia, agora unida firmemente á capital da provincia e ó resto do territorio, aínda que sempre haberá que seguir reivindicando melloras nas comunicacións, nas relacións, porque o progreso xorde da petición ou reclamación, e ademáis do traballo propio, da ostensible necesidade, do dereito a ser iguais nos mínimos, aspirando a diferencias nos máximos. Que Viveiro ten acreditado merecer trato diferenciado, porque é unha terra -e unha xente- diferente.
Sei que o meu papel é presentar a Semana Santa de Viveiro, pero permitídime facer algún circunloquio, rodeo obrigado, porque nada acontece por casualidade, e a Semana Santa de Viveiro non está desligada do resto dos acontecementos que en Viveiro se celebran ó longo do ano.
Porque a paixón viveirense, aínda especialmente centrada na Paixón de Cristo, non é privativa deste tempo especial, senón exercida plena e conscientemente ó longo do ano e ó longo da historia.
Cada ano que pasa, é como unha representación reducida dos ciclos da nosa vida... Primavera, verán, outono e inverno, son as estacións que marca a natureza, e reflexo tamén da vida do ser humano... E mesmo o calendario festeiro, axustado a esas estacións, reflicte do nacemento á morte de Xesús; das festas profanas á sublimidade das relixiosas; das conmemoracións invernais á plenitude estival.
Ó longo do ano, Viveiro manifesta unha especial vitalidade en todos os acontecementos, acreditando ser unha cidade poboada de xentes vivas, participativas, intelixentes, emocionadas. E vive esplendorosamente todas as ocasións festeiras, participando os viveirenses por moreas en todas as celebracións, acreditando que son xentes que levan como os predestinados “na fronte unha estrela/no bico un cantar”.
Todas as facetas exteriores, expresivas da vida nesta terra, son froito do entusiasmo popular, da contribución de todos, que cristaliza en iniciativas persoais ou de grupo, respaldadas por este Viveiro cheo de paixón. Foi Jacinto Benavente o que afirmou que “é imprescindible a paixón ou a loucura para estar verdadeiramente vivos”. Viveiro elixiu a paixón. E con paixón enfronta todas as súas actividades colectivas, reservando para a Semana Santa o maior fervor, a maior entrega; reserva a súa máis auténtica paixón para vivir a Paixón do Señor; para revivir os padecementos e humillacións que precederon e acompañaron á morte de Xesús.
En Viveiro, a Semana Santa é festa Maior. Todos os viveirenses síntena no corazón, e non fai falla que o calendario indique cal é o primeiro domingo despois da primeira lúa chea da primavera boreal, para saber que estamos no tempo preciso de sentir a Paixón máis grande.
E xa que toda festa grande precisa duns prolegómenos ou preparativos, en Viveiro crearon a celebración dos albores da Gran Semana, en Introito magnificamente denominado “Adral” para todas as actividades previas, xa que espiritualmente estamos no adro, dispoñéndonos a entrar no tempo máis viveirense, no tempo no que Viveiro se atopa a si mesma en conexión directa co espírito dos vellos viveirenses que firmemente creron nas verdades que imos celebrar.
Neste “Adral”, diversas conferencias van proporcionando un axeitado clima para conseguir unha harmonía persoal que nos engarce cos demáis logrando a harmonía social que propicia a Semana Santa de Viveiro. E os concertos de coros, agrupacións musicais ou bandas compoñen o contrapunto preciso para lograr o que podemos considerar maxia, misterio ou comunión entre os apaixoados viveirenses. E despois desta preparación, o Pregón é o punto de referencia inicial para abrir as almas á transcendencia do tempo especial que empeza.
Porque cando vai empezar unha nova Semana Santa de Viveiro, non podemos esquecer, intuímos, asumimos que preto de oitocentos anos nos contemplan, xa que se sabe que estas celebracións deberon comezar cando no século XIII os franciscanos se instalaron no norte de Viveiro e os dominicos no sur.
Daquela e agora, as xentes de fe quixeron e queren contaxiar as súas crenzas ós demais. E aqueles lonxanos frades quixeron representar para as xentes do contorno os feitos máis relevantes da vida do Señor. E vese que sementaron tan ben aquelas leccións de historia sacra, empregáronse con tal paixón evanxelizadora, que as súas celebracións están agora –a un mundo de distancia- máis vivas que nunca.
A iconografía cristiá, as imaxes da fe, teñen na Paixón as súas máis fértiles inspiracións desde que por primeira vez se ve representada nun sarcófago do século IV existente no sochán do Vaticano. E nas nosas retinas figuran desde moi nenos as imaxes da Santa Cea ou do Crucificado, do Desprendemento, da terrible Flaxelación, do Prendemento ou da Coroación de Espiñas. E despois do natural arrepío polo sufrimento que irradian, apreciamos o máxico traballo de inefables creadores que reflectiron a súa mellor arte ó servizo da Paixón.
Primeiro nos templos e logo de varios séculos polas rúas, das primeiras celebracións quédannos as pegadas anímicas en todo o pobo de Viveiro e as pegadas físicas das representacións escultóricas, que cada ano percorren estas rúas, porque non lonxe da época daquelas primeiras celebracións temos mostras fermosísimas en Viveiro, e desde as profundidades do tempo chégannos o “Ecce Homo”, o “Cristo da Vera Cruz” ou o “Cristo que cae”, os tres pasos do século XV. Foron esculpidos cando comezaba a idade moderna, remataba a Reconquista e se descubría o gran continente americano. Son probas “vivas” de que xa daquela Viveiro profesaba firmemente a súa gran fe, e representan coa súa expresividade, coa súa fermosura e antigüidade, a testemuña multisecular da historia da Semana Santa de Viveiro.
E como contraste coas históricas imaxes, os tres pasos que a Semana Santa viveirense estreou o pasado ano: “As negacións de San Pedro”, “Nosa Señora da Clemencia” e “A Virxe da Esperanza da Resurrección”. Ou as novidades deste ano: A restauración de tres andas pola Venerable Orde Terceira, dúas novas andas da Cofradía do Santísimo Rosario do viveirense Alejandro Quelle, a nova sede do Santísimo Cristo da Piedade nos Claustros de San Francisco, ou un novo desfile procesional que este ano se inicia na noite do Xoves Santo: a Procesión Penitencial da Redención, coas imaxes do Ecce Homo e Nosa Señora da Clemencia.
E aínda que poidan parecer pequenos detalles, teñamos en conta o esforzo de cada ano en incorporar novos elementos, como os novos candelabros da procesión da “Vía Lucis”, a aureola da imaxe de San Pedro do Paso do Prendemento (do xoieiro viveirense Óscar Rodríguez), o trono que de Córdoba veu para Nosa Señora da Clemencia da Cofradía da Misericordia, ou a coroa de ouro e prata con esmeraldas, tamén elaborada polo orfebre viveirense Oscar Rodríguez, para a imaxe da Virxe da Esperanza na Resurrección da Irmandade da Santa Cruz (exclusivamente feminina), imaxe que vai quedar durante todo o ano esposta á devoción popular nun local propio no recinto de San Francisco. Precisamente esta Virxe da Esperanza na Resurrección simboliza a esa Virxe que sabe que hai un mañá, un novo amencer, -despois dun “Vía Crucis”- unha “vía lucis” ou Camiño da luz.
Castelao escribiu unha “Alba de groria” para este país, na que se facían presentes todos os grandes galegos que están no Olimpo do amor á terra; Viveiro ten unha “Alba de groria” propia na que se fan presentes todos os que soñaron un Viveiro grande, prostrado de xeonllos diante do Milagre, pola paixón da fe. E os grandes persoeiros da Semana Santa que en Viveiro soñaron e traballaron a prol desta magnífica celebración son memoria e acicate, son presencia e ánimo para todos os viveirenses que viven con fervor esta Paixón.
Pode que nun sentido estricto non importe tanto a antigüidade como o fervor, a presenza, a testemuña de cada ano dos vividos por todos os presentes. Pero si que importa, se temos en conta que boa parte do entusiasmo, das crenzas, do sentimento, é herdado, transmitido de xeración en xeración, percibido no ambiente da cidade, nas familias... Non é o mesmo crear unha celebración, que saber que o feito no que se participa é o mesmo no que participaron teus pais, teus avós, bisavós, tatarabós... e así ata perderse na néboa da historia. É algo de Viveiro, froito da paixón.
No decurso dos séculos, houbo tempos de fervor e de tibieza, mesmo dependendo das vicisitudes vitais. Carlos Nuevo, o cronista oficial de Viveiro, sinala como dificultades para as celebracións de Semana Santa no século XIX a invasión francesa, os saqueos, a desamortización, a reforma do clero regular, o desmantelamento do poder material da Igrexa e a Exclaustración de 1835.
“E sen embargo, móvese”, que dixo o clásico. E aí está a Semana Santa de Viveiro, como unha das mellores de Galicia, en etapa gloriosa que eclosionou en 1944 e camiña cara ó futuro en imparable progresión.
Quero render homenaxe ás Confrarías viveirenses, herdeiras de tanta tradición e tanto amor pola Semana Santa, tanta paixón en fin: Venerable Orden Terceira (lembranza daqueles vellos franciscanos), a Ilustre Confraría do Rosario (presenza dos dominicos), do Cristo da Piedade (1944), Irmandade do Prendemento (1946), Irmandade das Sete Palabras (1951), Irmandade da Santa Cruz (1953), e as máis novas: Confraría do Nazareno dos de fóra e Confraría da Misericordia.
O seu labor, catalizado a través da Xunta de Confrarías, non só consegue poñer no mapamundi paixonal a Viveiro e facer que se coñeza a súa Semana Santa en toda España, senón que -conseguida a declaración de Interese Turístico Nacional- agora pretende -e conseguirá- a declaración de “Interese Turístico Internacional” para poder proclamala urbi et orbe.
A Semana Santa de Viveiro é impresionante por concepto e realidade. É impresionante polos séculos de historia que a respaldan, pola relixiosidade dun pobo a través dos tempos e das xeneracións. É impresionante pola magnífica imaxinería con pezas de arte que van marcando o paso da historia artística do país. É impresionante polo traballo das confrarías e polos centos de viveirenses que toman parte activa neste verdadeiro auto de fe. É impresionante polo seu desenvolvemento polas rúas da cidade antiga, ateigadas de xente chegada de deus sabe onde, para contemplar, para participar nun fenómeno de masas, de crentes, de unión, da paixón dun pobo apaixonado.
Pero é especialmente impresionante/apaixonante porque sabe que despois da paixón, pasado o Via Crucis chega a Vía Lucis, o Domingo de Resurrección, co Cristo resucitado. É a perfecta simboloxía de que a vida segue, que a vida renace despois do holocausto, enriquecida, purificada, vida nova, camiño da Luz. Chegaremos á Pascua, superando a Paixón de sufrir; e quedaranos a paixón activa de acometer, de emprender, de medrar, de vivir. Buscando a Luz, posuíndo a Luz, disfrutando a Luz. A paixón pola Luz, tamén con maiúsculas, como a Paixón.
Presentamos neste salón da Deputación Provincial de Lugo a Semana Santa de Viveiro, na casa da provincia de Lugo, que precisamente este ano se significou de xeito moi especial apoiando esta celebración, como se significa anualmente o Concello viveirense sabendo que apoia a manifestación máis importante da vida de Viveiro. Porque, como dixo o pregoeiro da Semana Santa de Viveiro de 2006, Eduardo Lorenzo, “meter o ombreiro debaixo dunha anda é equivalente a sentir o propio pobo”, e asegurou que “A Semana Santa de Viveiro non é tanto unha expresión de relixiosidade como unha expresión colectiva da identidade dun pobo”.
Así o entendemos, como unha multisecular comunión dun pobo coas súas crenzas, coa tradición, co espírito que herdamos da primeira Semana Santa da historia.
Que parece unha frivolización, trivialización, falar da Semana Santa de Viveiro, de calquera Semana Santa, como un evento de interese turístico, cando é unha celebración mística, de fonda fe. Pero do mesmo xeito que houbo un momento na lonxana Idade Media que as celebracións saíron dos recintos para inundar as rúas, así tamén os viveirenses que participan masivamente nas celebracións nos recintos sagros da súa cidade, fan ostentación exterior de fe dun xeito tan visible, tan entusiasta, que dalgún xeito hai que marcar o altísimo nivel dunha celebración como a nosa.
Por eso quero recalcar a doble vertente da Semana Santa viveirense: De intensa espiritualidade interior, que ten o seu marco na asistencia masiva ós diversos cultos relixiosos; e de fervorosa expansión exterior, porque unha ansia así é imposible de conter e abarrota toda a cidade. Todo Viveiro vive a Semana Santa.
E xa que Viveiro é un todo volcado na súa Semana Maior, digamos agora e aquí que Viveiro necesita, reclama, pide, a quen corresponda -e neste recinto existen oídos que poden escoitalo- un Museo sacro no que acobillar as magníficas riquezas materiais que o decurso dos centos de Semanas Santas foi proporcionando, e que reflicta -a través das pegadas materiais- o espírito e a fe que sempre moveron e moven as xentes de Viveiro. Que a carpa que acolle de xeito sempre provisional a nosa exposición, ten que ser xermolo dun Museo que Viveiro precisa e os viveirenses merecen.
En canto ese Museo chega, cada vez máis imaxes quedan durante todo o ano, expostas á nosa contemplación, á devoción de todos. E a imaxe de nosa Señora da Clemencia queda exposta co Ecce Homo na capela da Misericordia, e San Pedro, co Prendemento e a Virxe da Esperanza teñen a súa “casa” nos Claustros de San Francisco, para testemuñar que en Viveiro todo o ano é Semana Santa.
Esta visita dos viveirenses a Lugo para presentar ós lucenses a súa Semana Santa é moito máis ca unha mostra de boa vontade, de pura irmandade entre dous pobos que teñen tanto en común. Porque é tamén o establecemento dunhas relacións coa cidade, coa Semana Santa lucense e coas Confrarías da capital, unhas relacións de sentemento, de vivencias, de vida.
E despois destas pobres pero entusiastas palabras virán as imaxes a convencervos de que é verdade o que eu pretendo dicirvos aínda que non acerte a conseguilo coa intensidade que a Semana Santa de Viveiro merece.
Viveiro entra hoxe en Lugo pola porta grande, empuxada pola fe, arroupada pola tradición, avalada polo esforzo, arrebolada polo entusiasmo. Viveiro é entusiasmo, esforzo, tradición e fe.
E o mellor xeito de demostralo atopárono os viveirenses de hai oitocentos anos, como os viveirenses de hoxe, a través da súa Semana Santa que hoxe se presenta diante de todos vós con toda a súa humildade, con toda a súa boa fe, con toda a súa grandeza.
Invitamos a todos os lucenses a compartir connosco o “Vía Crucis”, a nosa Semana de Paixón... para compartir con todos vós a fe que a todos nos move e nos conmove, pero sobre todo coa esperanza de atopar xuntos esa “Vía Lucis” que todos agardamos e necesitamos, e que en Viveiro simbolizamos na Virxe da Esperanza na Resurrección.
Desexamos para todos desde Viveiro, en Viveiro, con Viveiro, unha apaixoante Semana Santa, buscando xuntos o “Vía Lucis”, o Camiño da Luz. Que así sexa.
(Presentación da Semana Santa de Viveiro en Lugo, o 11 de abril de 2011)