Skip to Content

San Martiño: austeridade e oración.

Autor: 
Suso Fernández (Cronista oficial de Foz)
Fecha: 
30/03/2012

A Semana Santa é a de mais intensa liturxia de todo o ano e tamén a de maior calado  popular, fonte inesgotable de tradicións. Comemora a morte e resurrrección de Xesús de Nazaret, confesión nuclear da fe cristiá.  que é resurrección, verdade e vida. A Semana Santa non é igual en tódalas igrexas católicas. Configurouse ó longo dos séculos de varios modos, segundo diversas experiencias relixiosas, ritos populares, expresións iconográficas
e gastronómicas.

A Semana Santa perdeu na nosa sociedade boa parte do feitizo relixioso popular, coas súas contradicións e ambigüidades que tivo ata hai poucas décadas. Antes do Vaticano II, os sacerdotes cubrían neses días as imaxes dos templos con velos morados, a feligresía asistía ós oficios litúrxicos matutinos, os cofrades e penitentes tomaban parte activa nas procesións, un grupo numeroso de fieis acudían en determinados lugares ás representacións da paixón, a xente piadosa visitaba o xoves santo  os monumentos de igrexas e parroquias, as familias comían o venres santo potaxe de bacallao, os cines poñían películas relixiosas, as radios emitían música sacra e as damas vestían mantilla negra e peineta.

En grande medida a Semana Santa convertiuse para muitos en vacacións de primavera. A presencia de católicos nos actos é desigual. Hai muitos que contemplan as procesións e as representacións da paixón, sobre todo en lugares con tradicións relixiosas arraigadas.Tal é o caso de San Martiño que, afastado das corrientes do turismo en boga, conserva o seu  carácter tradicional, íntimo e austero; lugar idóneo para a meditación, o seu entorno favorece a actitude de recollemento e oración propios das xornadas de fondo sentido relixioso, Os valores históricos e culturais, o testemuño de fe de tantas xeracións e o envolvente artístico-relixioso. Este singular ambiente no que o devoto se mergulla fai que a sensibilidade eleve o espíritu e viva con maior intensidade as xornadas de tan fondo significado nas celebracións da Morte e Resurrección de Xesucristo, pedra angular da crencia cristiá.