Skip to Content

Perspectiva histórica da Semana Santa - Pontevedra

Autor: 
Vicente Risco. Da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo

Pontevedra

Sobre a Semana Santa en Pontevedra publicou hai pouco un traballo Enrique Fernández-Villamil, mais refírese a tempos antigos e principalmente á procesión do Xoves Santo, tal como se facía no século XVII, con pasos e "disciplinantes", como tamén os houbo noutras vilas de Galicia, segundo a moda daquel tempo. Semella que eran os que formaban a Confraría da Vera Cruz, que había en Pontevedra, en Santiago e noutras partes. En Santiago extinguíuse a mediados do XVII; no XVI facía unha procesión de noite, con "disciplinantes… penitentes ensabanados de ambos sexos", cometendo abusos que prohibiu o Concello e logo o arcebispo San Clemente. Os "disciplinantes" provocaron escándalos en toda Galicia, causando que o Real Consello, en 1700, prohibira que houbera procesións de noite.

En Pontevedra, igual que en Santiago e noutros lados, para estas procesións de noite alumeaban as rúas do camiño con fogueiras de leña diante das casas, obriga que se impuña ós veciños, habendo devotos que puñan a leña da súa conta. Barreiro de V.V. interpretou estes lumes de Semana Santa como lembranza druídica.

Hoxe celebran en Pontevedra o Encontro e o Santo Enterro con moita dignidade e cerimonia.

Da entrega da chave do Sagrario ó Alcalde, despois da comprobación da presenza nel da Sagrada Forma, xa se fixo indicación, como tamén de que o mesmo rito se observa en Vilagarcía.