Skip to Content

Perspectiva histórica da Semana Santa - Ourense

Autor: 
Vicente Risco. Da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo
Fecha: 
29/03/2009

Ourense

O Domingo de Paixón, día en que se cobren os altares, é a festa do San Lázaro, santo de moita devoción neste país, no que a devoción popular xuntou na mesma figura as de Lázaro, o irmán de Marta e María, Lázaro o Leproso e mailo Lázaro da parábola do rico Epulón. A súa capela, humildísima e de tipo enteiramente rural, estaba no campo da feira, hoxe Parque de San Lázaro; pequena e toda caleada, estaba chea de exvotos de cera, mortaxas e táboas pintadas figurando os milagres do santo. Despois fixeron unha capela nova no esquinal oposto do campo, que foi recentemente desfeita e vendida, recolléndose o Sán Lázaro na igrexa dos Franciscanos. A capela era propiedade do concello que corría cos cultos e coas festas.

Xa o sábado viñan moitos devotos e ofrecidos das aldeas, que ían a que lle puñeran o santo. Un garda municipal, colocado diante do altar, daba a bicar unha imaxe pequeniña do San Lázaro e facía con ela unha cruz no lombo do devoto, dicindo: "San Lázaro bendito nos libre de peste e de males extraños". Á tarde, traían en procesión o San Lázaro para a igrexa parroquial de Santa Eufemia do Norde, chamada de Santo Domingo, acompañada dunha chea de xente. Á noite tíñase o folión, e o Domingo volvían levar o Santo á súa capela con gran acompañamento e tíñase a misa solemne e, á tarde, unha festa de carácter moi popular e típico.

Era tradicional nestes dous días a venda de avelás e rosquillas de Ribadavia, que as vendedoras tiñan en cestos culeiros, todo ó longo da rúa de Santo Domingo.

O Domingo de Ramos acodía a xente, principalmente á catedral con ramos de loureiro e de oliveira para que os bendiciran. Hoxe predominan as palmas; noutros tempos non había máis que as dos cóengos que eran sinxelas e a do señor bispo que era toda entrenzada e adornada; os cóengos tiñan costume de regalaren as palmas benditas ós seus amigos pra que as puxeran nos balcós. A procesión das palmas daba a volta arredor da catedral. Os rapaces levaban ramos de loureiro canto máis grandes puidesen e ían batendo úns cos outros e metendo barullo. Case pode dicirse que hoxe todo segue igual. Á tarde, sae da igrexa dos Franciscanos a procesión do Ecce Homo. Antes ían dúas filas de nenas con hábito nazareno atado á cintura cunha corda, o cabelo solto e coroas de espiñas, levando todos os atributos da Paixón. Agora substituíronas por nenos vestidos de acólitos. Aínda vai unha muller ou unha rapaza figurando a Verónica, que debe ir sen falar e sen mover os brazos, amosando o pano da Santa Faz.

O Mércores Santo ían os rapaces ás Tinieblas con carracas, e agardaban impacientes que se apagaran as luces para empezar o estrondo. Daban o sinal os cóengos batendo cos sitiais do coro e, de súpeto, comezaban a tocar todas as carracas a un tempo e saían á rúa facendo estronicios.

O Xoves Santo á mañá ían as comisións dos centros oficiais visitar os sagrarios. Era obrigado iren de levita e chisteira, polo que saían a relucir chisteiras e levitas de todas as modas de había cincuenta ou sesenta anos. Á tarde, ía a xente artesá e os señores ó anoitecer, sempre uns e outros en familia.

O Venres Santo, ás cinco da mañá, había o Encontro na Praza Maior, que estaba completamente chea de xente, cheos tamén os balcóns e as escaleiras da igrexa de Santa María Madre, o espolón e as bocas das rúas. Un predicador nun púlpito ía narrando a escena que os que levaban as imaxes, que eran de movemento, ían representando. Nunhas ía Noso Señor con dous xudeus feísimos, noutra San Xoán, noutra a Verónica e noutra a Virxe. A xente emocionábase moito e choraban as mulleres. Despois, decaendo o fervor da xente e indo bastantes borrachos, incluso os que levaban as imaxes, a autoridade eclesiástica suprimiu a cerimonia.

Á tarde, representábase no mesmo lugar e do mesmo xeito o Desencravo. Os que baixaban a Noso Señor da cruz e o metían nunha urna de cristal para o Santo Enterro eran catro sacerdotes.

O Santo Enterro formábase alí mesmo e nel non ían máis ca homes, figurando na presidencia o concello baixo mazas e as autoridades, e dando escolta un piquete de soldados coas armas á funerala e os tambores destemprados. O Santo Enterro atravesaba a catedral e ía polas rúas vellas da cidade a se recoller en Santa María Madre. Hoxe tén un percorrido máis longo.

Pola noite sae da igrexa da Santísima Trinidade a procesión da Soidade, chamada "dos caladiños", exclusivamente de mulleres. No tempo en que non había luz eléctrica, as casas do traxecto alumeaban con faroles postos nos balcóns, con velas atrás dos cristais ou con cascas de óvos nas que botaban aceite e lamparillas; alumiadas as rúas daquel xeito e coa moitedume de velas acesas das que ían na procesión, o aspecto desta era fantástico.

Foi usanza durante certo tempo que fora na procesión un rapaz que, ó pasar polas prazas, cantara o "Ay de mí", unha copla desgarradora, seguramente importada, e moi curta:

¡Ay de mi!

¡ay de mi!

que al hijo de mis entrañas

en una cruz le vi.

O Sábado de Glroria, ás tres ou catro da tarde, levan a imaxe de Santa María Madre da súa igrexa á catedral. O privilexio de levar a imaxe era do antigo gremio dos xastres e ata non hai moito tempo levábana efectivamente catro xastres vestidos de frac, e ía acompañada somente polo Cabido e polo Concello baixo mazas; hoxe, restablecida a confraría de Santa María Madre, vai nesta procesión moita xente.

A imaxe de Santa María Madre é a que serve pra representar o Encontro co Noso Señor despóis da Resurrección, que se fai na catedral o Domingo de Pascua, á mañá moi cedo. Máis tarde volven levar a Santa María Madre outra vez para a súa igrexa. A Praza Maior está chea de xente vestida de festa e recollida a Virxe, o Concello tenlle alí unha misa.