Skip to Content

Perspectiva histórica da Semana Santa - Lugo

Autor: 
Vicente Risco. Da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo
Fecha: 
28/03/2009

Lugo

A Semana Santa luguesa é a festa que con maior solemnidade se celebra alí despois do San Froilán.
Comeza coa misa, bendición e procesión do Domingo de Ramos. Todas as persoas levan o seu ramo: os maiores unha póla de oliveira ou loureiro e os nenos pequenos ramiños adornados con fitas, galletas, caramelos e laranxas que, ó saíren, gardan coidadosamente para que os maiores non lles saquen tan prezado adorno; os mozos andan a quen leve un ramo máis grande, hainos que son verdadeiras árbores e poñen en perigo as cordas das lámparas. A igrexa semella un verdadeiro bosque ese día.

No Mércores Santo pola tarde, arranxan o mellor posible os monumentos para o día seguinte, pois o Xoves Santo dan un premio a aquel que mellor enfeitado estea.

O Xoves Santo é o día das grandes cerimonias. O altar maior, tapado cuns lenzos brancos adornados con frores, estampas e escapularios, tén no centro unha escaleira riba da que se pon unha custodia de madeira labrada para poñer o Santísimo; ó pé da escaleira a Virxe e San Xoán e no medio a cruz deitada nunha alfombra.

Á mañá, hai misa ás dez, a cuxo toque paran todos os traballos para xuntárense os veciños na igrexa. Celébrase nun altar do lado e, ó final, lévase o Santísimo baixo palio á custodia do altar maior. Pola tarde dende as catro, hai varios viacrucis, algúns non moi ben lidos por certo. Ás sete comezan os Oficios que cantan varios señores co párroco sentados en dous bancos postos formando ángulo; cada pouco tempo van apagando as velas da escadeiriña, unha por unha, e finalmente as que hai nun trípode que sostén unha sorte de triángulo con varias. Cando todo quedou ás escuras, aínda seguen cantando uns instantes e por fin, a uns golpes do abade riba do libro, comenzan a bater as mans. Algunhas persoas piadosas din que se pegan na cara.

Ás oito da noite sae a primeira procesión, chamada do Bo Xesús. Non poden ir máis que os homes, dos que cada un leva unha cruz grande de madeira ó lombo, e cando é moi grande lévana entre dous. Van presidindo esta procesión o gobernador civil, o gobernador militar e mais o alcalde coa súa cruz correspondente, seguen os demais homes e ó final vai o señor bispo e algúns coengos. Sae da catedral, percorre varias rúas e recóllese no mesmo sitio.

En Lugo, no Xoves Santo, no Encerro, tén lugar unha cerimonia especial: o alcalde e máis o secretario do Concello suben ó monumento e examinan  o Sagrario para comprobaren e levantaren acta de que a Sagrada Forma áchase realmente alí, e despois de pechar o Sagrario diante deles, a chave é entregada ó alcalde, que a trae ó pescozo ata ó Venres, á hora de volver a abrir. Este costume di unha lenda que foi instituido porque un ano, hai moitísimo tempo, ó abrir o Sagrario, en lugar da Sagrada Forma atoparon un corno, feito sacrílego que foi atribuido ós xudeus ou a algún cómplice deles no clero catedral. Entón o Concello da vila que se titula "Cidade do Sacramento", quixo intervir para asegurarse de que non se repetira aquel feito. Cerimonia semellante faise tamén noutras vilas de Galicia, como Pontevedra e Vilagarcía, non sabemos se por imitanza do que se fai en Lugo.

Rematadas as cerimonias da mañá, comezan, segundo costume moderno, as "horas de vela" diante do Santísimo. Ás catro da tarde faise o Lavatorio, con doce vellos do Asilo, ós que lle dan cadanseu vestido novo e un peso; e despois, hai Via Crucis no convento dos Franciscáns.

O Venres Santo, á mañá, hai os Oficios e, ó faceren o Desencerro, volven o alcalde e o secretario a examinar o Sagrario e dar fe de que alí está a Sagrada Forma. Despois hai a Adoración da Cruz en todas as igrexas.

Ás dúas da tarde comeza o sermón das Sete Palabras nun convento de relixiosos, coa capela a escuras e no altar maior a cruz, a Dolorosa e máis San Xoán; remata este sermón ás tres en punto, hora en que expira o Redentor.

Ás cinco é o sermón do Desencravo na igrexa da Soidade, predicado por un frade de San Francisco e despois sae dalí a procesión do Santo Enterro. Nela van os fieis en dúas filas de tres en fondo, comezando as señoras e mozos de Acción Católica. De seguido, as asociadas da Terceira Orde con escapulario e cordón, e polo medio van cregos que levan os diferentes pasos da Paixón escoltados por nenos vestidos de nazarenos; no medio destes vai a Urna, escoltada por soldados zapadores, e detrás tres nenos vestidos representando a María Madalena e María irmá de Lázaro e a San Xoán; as filas que seguen son de homes, levando no medio a Virxe das Dores, escoltada pola garda civil; despois seminaristas e, ó final, o desfile.

O Sábado Santo é como en todos os lados.

Antes había persoas que non comían dende o toque do Xoves ata o toque do Sábado, ó que se chamaba xexún do traspaso.

O Domingo de Pascua é o día das merendas, e todo ten aire de festa.