Para todos e para todas. Non só nos días que celebramos a Festa da Resurrección do Señor Xesús senón tamén durante todo o ano. Oxalá o seu espírito se manteña vivo e activado toda a vida. Celebrar o trunfo da Vida sobre a morte debe ser tarefa constante e permanente.Vivir nesta coordenada de principios e prioridades de valores esenciais de vida, con coherencia, é o mellor xeito de anunciar esta Boa Nova aos que non a coñecen ou seguen a estar distraídos e/ou embarullados noutras ocupacións intranscendentes. O núcleo central da Pascua é este: Cristo, o Mesías, resucitou e vive entre nós, connosco. E veu ao mundo a compartir a súa vida e a salvarnos. A todos e todas. Sen excepcións.
Por iso, velaí o noso gozoso e agarimoso anuncio de felicidade que vos desexamos desde aquí para este difícil ano 2009, que aínda leva poucos meses e se está a presentar bastante complicado para moitos dos nosos irmáns: Felices todos e todas: porque Cristo resucitou, todos nosoutros podemos facer, non só posible senón tamén real, que o tan desexado respecto e a tamén ansiada dignificación de toda persoa humana e dos seus dereitos, renazan por riba de todas as crises, medos, cruces e mortes!
Felices todas e todos: porque Cristo resucitou é posible, se o intentamos e buscamos, en serio, que o momento presente abra portas a un futuro mellor ao estarmos capacitados para pór paz onde aínda hai violencia, esperanza onde desespero, vida onde hai morte, amor onde hai odio, transparencia e integridade onde hai lixo e corrupción, diálogo onde hai intransixencia...A Luz xa está acesa na escuridade do mundo actual.
Felices todos e todas; porque Cristo resucitou nós podemos ollar sempre cara adiante e deixar de lado a morriña de tempos vellos, de non sermos endexamais profetas de máis calamidades senón, homes e mulleres de fortaleza e de esperanza, de compromiso por mellorar a sociedade, de diálogo e mesmo de abrir ventás por onde entre e circule o ar fresco da imaxinación, a creatividade, a pluralidade de ideas e a nosa total renovación.
Porque Cristo resucitou, podemos ser máis felices xa que imos ter forza dabondo para deixármonos transformar (resucitar e re/vivir, de novo!) e tamén para axudar a mudar e mellorar esta sociedade, chea de violencias e mortes. Inútiles e innecesarias. Sobre todo, porque sabemos o camiño seguro a seguir (o de Xesús) e temos, ademais, a Xesús (o Cristo Resucitado) como gran Valedor e Garante de todas as nosas grandes ou pequenas esperanzas. FELICES PASCUAS PARA TODOS E PARA TODAS!
Autor:
Xesús Mato
Fecha:
13/04/2009