Skip to Content

Conferencia de clausura do programa ADRAL "Viveiro de paixón"

Pregonero: 
Xulio Xiz Ramil
25/03/2010

Sinto unha honra especial por terme invitado a participar nos prolegómenos da Semana Santa viveirense, que está na boca das xentes e no corazón de milleiros de persoas.

Veño como un viveirense máis, que me tedes afeito a que me considere desta terra por considerarme vós. E dá gusto sentirse de Viveiro cando os de Viveiro así o senten tamén.portada libro

A miña infancia foi especialmente feliz nas terras altas do concello de Ourol, en Ambosores, onde pasei en familia os veráns da miña infancia. E desde alí viña a Viveiro, en ocasións especialísimas que lembro con entrañable agarimo.

Aquí vin o mar por primeira vez, á beira da Ponte da Misericordia. E tivo que ser daquela cando aprendín que o nome de Viveiro ía unido a unha singular paixón pola vida; que o nome de Viveiro significaba paixón.

 

Claro que falar así de paixón, en frío, é moi prematuro. Do mesmo xeito que a palabra é tan polivalente, tan complexa, que ata pode ser unha frivolidade utilizala sen máis.

Todos usamos a palabra “paixón”, vulgarizándoa, trivializándoa, mistificándoa.

En Internet, ese gran pozo sen fondo onde está todo un mundo virtual realmente existente, a palabra “paixón” aparece en case todo, empezando polo portal de turismo de Colombia, titulado “Colombia es pasión”. Hai un programa de radio, “Flor de pasión”, en Radio Nacional de España-Radio 3, dedicado á música dos anos cincuenta e sesenta. Hai no Pacífico unha illa chamada Paixón, e un río da Paixón en Guatemala. E temos unha fruta e flor da paixón, ben coñecida en Galicia como “pasionaria”, con aspecto dunha coroa de espiñas. Crese que nela aparecen representados os apóstolos, os estigmas da paixón e ata os cravos triangulares que suxeitaron á cruz o corpo do Señor.

E eu pretendo facer notar que pode haber paixón nunha cidade e nas súas xentes, que no mundo alomenos hai unha cidade de paixón, que Viveiro merece, como ninguén, o nome de “Viveiro de paixón”.

 

Paixón. O sentido da palabra

Para centrar esta miña intervención, cómpre saber de que falamos cando falamos de “paixón”.

E entre outros moitos posibles significados, dentro dunha difícil clasificación pola complexidade do termo, temos catro grandes apartados:

O primeiro significado de paixón é “arrebato”, delirio, entusiasmo, frenesí, vehemencia. Unha forza moi intensa que domina a vontade e -sendo vehículo para determinados sentementos- mesmo pode perturbar a razón.

Un segundo aspecto corresponde a ese mesmo desexo que se impulsa: querencia, afección, amor, odio, ciumes ou ira.

Unha terceira visión da paixón, e isto significa moito aquí e agora, é padecemento ou sufrimento. Mesmo antigamente viña ser dor sensible nalgunha parte do corpo. Así, Semana de paixón, é semana do sufrimento, das conmemoracións do máximo sufrimento do mundo, o da Paixón de Xesús.

Hai, un cuarto apartado, o máis baixo, primario, o máis carnal, que fala de luxuria, de concupiscencia, de desexo...

Alomenos, xa sabemos que podemos dar por descartado este último aspecto conservando os outros, aínda que dous se confundan entre sí, e a paixón poida para nós ser ”arrebato”, “sufrimento”, “afección”... Ou se atendemos ós tres aspectos, conxuntamente, podería ser afección con arrebato ou entrega por un sufrimento. Entendendo que o arrebato é o impulso mentres a afección é a querencia, e todo volcado a prol dunha gran Paixón que reflicte momentos singulares da nosa historia e da nosa fe.

Pero se aquí nos parásemos, moito estariamos adiantando neste camiño pescudador, deixando atrás varios tramos, esquecendo varias “estacións” que debemos percorrer; quedándonos moito camiño que andar. Non é aínda momento para abordar esta especial situación de Viveiro.

 

A paixón no tempo

A paixón, nun sentido antigo, clásico, filosoficamente, é unha afección producida por unha acción. Un sufrimento, unha pasividade. A paixón contrapoñíase á acción, sendo unha das categorías establecidas por Aristóteles na súa clasificación das cousas que afectan ós humanos.

Paixón, neste sentido antigo, designa todos os fenómenos nos que a vontade é pasiva... E por aí camiñou o pensamento durante séculos, e mesmo Descartes englobaba todos os fenómenos afectivos como “paixóns da alma”.

Pero modernamente parece como se a paixón tivese “pasado á acción”, pasando de potencia a acto; de sufrimento, padecemento ou sometemento, á acción.

Benxamín Franklin, no século XVII, afirmaba que hai dúas paixóns que sempre marcaron as accións humanas: o amor ó poder e o amor ó diñeiro. Na actualidade, sería perfectamente válido o seu aserto, coas excepcións de rigor, nas persoas e nos pobos. Viveiro, afortunadamente, é unha excepción. Ten outro tipo de paixón.

Nun sentido actual, a paixón –xa dixemos- é unha inclinación exclusiva cara a algo, un estado afectivo duradeiro e violento no que se produce un desequilibrio psicolóxico xa que o obxecto da paixón ocupa exclusivamente o espírito. Non é algo pasivo, senón activo. Podería ser considerado pasivo no aspecto de sufrimento, pero tamén é algo que anima á persoa; algo que a impulsa.

A paixón é difícil de gobernar ou controlar. Se somos apaixonados, somos apaixonados; se somos apáticos, é outra cousa. Nada que ver. O ser humano precisa ser apaixonado, para participar na vida; a paixón é algo inherente a todos nós para saber que, verdadeiramente, estamos vivos. Estamos vivos mentras sintamos paixón por algo. E o francés François de la Rochefoucauld afirma que “a duración das nosas paixóns depende tan pouco de nós, como a duración da nosa vida”.

Recoñezo que estou a percorrer un camiño estraño, unha viaxe de palabras, polas palabras, para chegar a un “Viveiro de paixón”, intuido e ben coñecido, porque é sentido, asumido, vivido. Ningún mérito terá chegar ó fin deste camiño, xa que como máximo terei acertado cun título do que Viveiro pode presumir. Porque poucos pobos poden amosarse apaixonados así, colectivamente, por telo demostrado ano a ano, século a século, viveirense a viveirense.

 

A Paixón de Viveiro

Veño falar de Paixón -vai comezar a Semana Santa- pero resulta que Viveiro vive unha paixón global. Non encaixaría o tema no concepto clásico, na paixón pasiva, en sufrir e deixarse ir, xa que se trata dunha paixón entendida do xeito actual, moderno, paixón activa que se manifesta especialmente en todas as actividades con vertente pública.

Porque a paixón viveirense, aínda especialmente centrada na paixón de Cristo, non é privativa deste tempo especial, senón exercida plena e conscientemente ó longo do ano e ó longo da historia.

O transcurso de cada ano é como unha representación reducida dos ciclos da nosa vida... Primavera, verán, outono e inverno, son as estacións que marcan a natureza, e reflexo tamén da vida do ser humano... E mesmo o calendario festeiro, axustado a esas estacións, reflicte do nacemento á morte de Xesús; das festas profanas á sublimidade das relixiosas; das conmemoracións invernais á plenitude estival.

Ó longo do ano, Viveiro manifesta unha especial vitalidade en todos os acontecementos. E destaca no calendario festeiro a paixón desbordante na festa na que se trastocan todos os papeis sociais, e así o voso Antroido ten sona en toda a provincia, en toda Galicia, como festa viva, participativa, intelixente, emocionada.

Hai que lembrar aqueles especiais antroidos de hai corenta anos, nos que o “Marqués del Congelado” e o “Conde de la Sal” ostentaban os máximos poderes nunha festa multitudinaria na que Viveiro estoupaba coa ledicia. E mesmo neste escenario, hai pouco máis dun mes, as Alpuxarradas foron unha apoteose, porque – xa o dixo Rubén Darío- hai (tamén en Viveiro; especialmente en Viveiro) un tempo para cada cousa, e aquel foi tempo para o lecer. Para apaixonadamente poñer en solfa case todo, como preparación para outro tempo, solemne e trascendente, no que agora imos entrar.

Paixón en Viveiro nas festas ó longo do ano, esas festas que fixeron desta vila dos sesenta “la ciudad que siempre ríe”. Eu son testemuña desde hai xa máis de trinta anos que as festas de agosto, a Mostra e todas as actividades que a rodean, son un frenesí popular e total. Que todo Viveiro respira pola praza Pastor Díaz, e todas as rúas do centro son harmoniosos bamboleos humanos, mareas e moreas de xentes que levan como os predestinados “na frente unha estrela/no bico un cantar”.

Paixón de Viveiro no Nadal, con beléns xigantes e rutilantes luces. Paixón, con maiúsculas, na Semana Santa. E todo isto non sería posible de xeito pasivo, se a paixón fose temporal ou só fose aportada por entusiastas comisións organizadoras.

Pídovos paciencia antes de chegar á Paixón que de min se agarda que comente, porque Viveiro é a conxunción perfecta de entusiasmos que se manifestan cando o tempo o pide, cando a vida o esixe; multifacética paixón que estoupa de ledicia ou de tristura pero non pode ser contida en cada espírito viveirense.

Todas as facetas exteriores, expresivas da vida nesta terra, son froito do entusiasmo popular, da contribución de todos, que cristaliza en iniciativas persoais ou de grupo, respaldadas por este Viveiro apaixonado. Foi Jacinto Benavente o que afirmou que “é imprescindible a paixón ou a loucura para estar verdadeiramente vivos”. Viveiro elixiu a paixón.

Pero nada mellor que a historia para comprobar se Viveiro é ou non un pobo “apaixonado”, como queremos comprobar.

Fálanos Juan Donapetri de que en remota antigüidade, cando o Landro se volvía bravo, cando o mar se botaba ó río e o río chegaba furioso ó mar, deron os viveirenses en colocar unha estacada para conter as augas, concurrindo os veciños traendo estacas de dez pés de largo, proporcionando os mareantes de Celeiro e de Viveiro a pedra necesaria para montar a grandísima empalizada, para tratar de conseguir o que aínda na actualidade é ben difícil. Xa os viveirenses de entón demostraban Paixón de traballo, para dominar as forzas da natureza.

Cando os árabes viñeron e señorearon Galicia, conquistaron esta vila aberta, pero moi axiña foi de novo gañada e restaurada polos seus fillos, premiando –din as crónicas- o Rei don Pelaio ós viveirenses polos servizos prestados á Reconquista que daquela comezaba, concedendo á vila grandes privilexios e franquicias, deixándoa baixo a protección de catro ilustres loitadores que deron orixe ás liñaxes de Viveiro. A través dos séculos, a historia recolle os seus nomes para honra gloriosa dos que se chamaron Paez de Cora, Alfeirán, Gallo e Vizoso. De novo, paixón: paixón guerreira contra o invasor.

E cando a raíña Dona Urraca cede a vila ó Bispo de Mondoñedo en 1112, para que a mitra de Vallibria a disfrutara, os viveirenses puñéronse en pé de guerra e emprenderon loita encarnizada contra os servidores dos bispos mindonienses, loita intercalada con pactos e treguas que só servían –afirma Donapetry- para que “los indómitos hijos de Viveiro volvieran con mayores bríos a la pelea, que llegó a ser sangrienta”.

Ó fin a vila e o seu alfoz, en 1346, despois de case dous séculos e medio de loita, foi liberada da dominación dos bispos e volveu ó señorío real. Loita apaixonada, paixón pola liberdade.

Xa un pouco antes temos outro exemplo da paixón viveirense cando en 1325 o Rei Eduardo III de Inglaterra se lle queixou ó rei de Castela dos que chamaba “piratas” de Viveiro.

A longa tradición dos corsarios ingleses xa tiña daquela carta de natureza, e os seus barcos fustigaban estas costas aproveitando a sorpresa, atacando, extorsionando e roubando, sen temor a represalias, dada a rapidez con que facían as súas incursións. Pero represalias houbo, que tiveron ós viveirenses por protagonistas, sufrindo os ingleses aínda máis mal do que produciran.

En San Cibrao construíanse as naves para a pesca, que tamén valían para defenderse, en Viveiro había armadores, patróns e mariñeiros que podían ser guerreiros cando fixese falla. O resultado da paixón viveirense é que cando os corsarios ingleses pirateaban esta zona, os de Viveiro saían devolverlles o golpe e facíano de tal xeito que as autoridades inglesas, en lugar de controlar os incontrolables corsarios, protestaban pola violencia paixonal dos viveirenses, que devolvían aumentados os agravios recibidos.

Pasaron moitos anos pero unha nova mostra paixonal asomaría na historia cando aínda era mozo o século XIX.

A finais de xaneiro de 1809 entraron en Viveiro 74 dragóns das tropas napoleónicas ó mando dun comandante. Por uns días foron donos da cidade, sometendo ás súas xentes. Ata que o sete de febreiro pola noite, os veciños de Viveiro arremeteron contra eles con tal entusiasmo e furia que mataron a 8, fixeron prisioneiros a 48, e 18 fuxiron.

A represalia non se fixo esperar e de Mondoñedo viñeron tropas ó mando dun xeneral, e outra dotación desde Ferrol, volvendo os franceses a ser señores de Viveiro, que foi totalmente saqueada sufrindo paixón sanguenta toda a comarca, en vinganza pola paixón guerreira da súa xente.

Velaquí que os devanceiros viveirenses deixaron constancia de paixón ó longo da historia: paixón para dominar as forzas da natureza, paixón loitando contra o invasor e paixón loitando contra os señoríos por un Viveiro libre.

E se falamos de paixón no sentido de sufrimento na adversidade, Viveiro ten tamén ocasións singulares entre as que hai que mencionar aquel temporal que afundiu o Bergantín Palomo e a Fragata Magdalena en 1810, co tráxico balance de 550 mariñeiros mortos.

Pero queda aínda unha paixón importante, máis imperceptible, que é a que diariamente desenvolvedes nos vosos traballos, nas vosas iniciativas, no voso labor... Que para todo paixón fai falla. Esa paixón permanente, que vos aluma cunha luz inextinguible, para estar en todo momento en pé de paz –se fai falla, en pé de guerra- por Viveiro, pola terra.

Poucas veces se fala deste aspecto, da paixón permanente, como forza interior, a máis difícil. E velaquí que o arxentino José Narosky, afirma que se pode “ser feliz sen talento, pero non sen paixón”. Aparece aquí “paixón” como ánima, animadora do espíritu da persoa ou dun pobo. Asegúrovos que vós tedes que ser apaixonadamente felices.

 

Pero é xa momento de centrar as miñas palabras no que verdadeiramente aquí me trouxo. Se estamos para entrar na na semana maior de Viveiro, e falamos de Paixón, temos que referirnos á sufrida polo Noso Señor, que desde entón tinguíu con letras de sangue os calendarios que marcan o noso rumbo ata o fin dos tempos.

 

A paixón do Señor

Cando se fala da paixón de Cristo, a palabra “Paixón” cobra aínda maior significado, escríbese con maiúscula, referíndose ós padecementos e humillacións que precederon e acompañaron á morte de Xesús.

En Viveiro, a Semana Santa é festa Maior. Sentídela no corazón, e non fai falla que o calendario indique cal é o primeiro domingo despois da primeira lúa chea da primavera boreal, para saber que estamos no tempo preciso de sentir a Paixón máis grande.

Estamos nos albores, por iso está magnificamente elixido o título de “Adral” para todas as actividades previas, xa que espiritualmente estamos no adro, dispoñéndonos a entrar no tempo máis viveirense, no tempo no que Viveiro se atopa a si mesmo en conexión directa co espírito dos vellos viveirenses que firmemente creron nas verdades que imos celebrar.

Castelao escribiu unha “Alba de groria” para este país, na que se facían presentes todos os grandes galegos que están no Olimpo do amor á terra; Viveiro ten unha “Alba de groria” propia na que se fan presentes todos os que soñaron un Viveiro grande, prostrado de xeonllos diante do Milagre, pola paixón da fe. E os grandes persoeiros da Semana Santa que en Viveiro soñaron e traballaron a prol desta magnífica celebración son memoria e acicate, son presencia e ánimo para todos os viveirenses que vivides –que vivimos- con fervor esta Paixón.

 

A Semana Santa en Viveiro

Eduardo Lorenzo, pregoeiro do 2006, proporcionounos un elemento para camiñar na procura da vosa Paixón cando indicou que “meter o ombreiro debaixo dunha anda é equivalente a sentir o propio pobo”, e asegurou que “A Semana Santa de Viveiro non é tanto una expresión de relixiosidade como unha expresión colectiva da identidade dun pobo”.

Pola súa parte, Antonio Velasco no pregón de 2008 falaba de que os pasos da paixón, os elementos da paixón da actualidade son as guerras, a fame, a pobreza... paixón sufrida polos máis febles. Os novos crucificados de cada día son os máis humildes da nosa sociedade.

A Paixón –entendida como sufrimento sempre inxusto- repítese cada día entre nós, e Antonio Rodríguez Basanta afirma que a pasión de Cristo repítese, “continúa ó longo dos séculos, en cada ser humano, en cada home e muller que pasa por situacións de sufrimento, de anguria, de desespero, de tristeza, de opresión ou de inxustiza”, mencionando logo ó Cardenal Martíni que atribuía o sufrimento da Paixón ós parados, ós sen futuro, ós secuestrados, ás víctimas da violencia, ós vellos, ós que esperan xustiza, ós que teñen que deixar a súa terra, ós excluidos da sociedade.

Xa que logo, celebrar a Paixón, lembrar a gran Paixón de todos os tempos, é rebelarse contra a inxustiza, contra a dor, contra os males do mundo. É unha manifestación a prol da vida.

Velaquí o trasfondo dunha vivencia en profundidade. Apaixonarse pola Semana Santa, vivila intensamente, relixiosamente, supón paixón activa polos problemas globais que afectan á humanidade e –de xeito máis directo– por todos os que temos arredor de nós. Vivindo, sentindo a Semana Santa, somos máis humanos, máis persoas, participando do corpo místico global que sofre á vez en todo o mundo cristián.

Posiblemente, cando entramos na Semana Santa de Viveiro, preto de oitocentos anos nos contemplan. Así pode ser se temos en conta que estas celebracións deberon comezar cando os franciscanos se instalaron no norte de Viveiro e os dominicos no sur. Corría o século XIII.

Daquela e agora, as xentes de fe quixeron e queren contaxiar as súas crenzas ós demais. E aqueles lonxanos frades quixeron representar para as xentes do contorno os feitos máis relevantes da vida do Señor. E vese que sementaron tan ben aquelas leccións de historia sacra, empregáronse con tal paixón evanxelizadora, que as súas celebracións están agora –a un mundo de distancia- máis vivas que nunca.

A iconografía cristiá, as imaxes da fe, teñen na Paixón as súas máis fértiles inspiracións, desde que por primeira vez se representa nun sarcófago do século IV existente no sochán do Vaticano. E nas nosas retinas figuran desde moi nenos as imaxes da Santa Cea ou do Crucificado, do Desprendemento, da terrible Flaxelación, do Prendemento ou da Coroación de Espiñas. E despois do natural arrepío polo sufrimento que irradian, apreciamos o máxico traballo de inefables creadores que reflectiron a súa mellor arte ó servizo da Paixón.

Das primeiras celebracións quédannos as pegadas anímicas en todo o pobo de Viveiro e as pegadas físicas das representacións escultóricas, que cada ano percorren estas rúas, porque non lonxe da época daquelas primeiras celebracións temos mostras fermosísimas en Viveiro, e desde as profundidades do tempo chégannos o “Ecce Homo”, o “Cristo da Vera Cruz” ou o “Cristo que cae”, os tres pasos do século XV. Foron esculpidos cando comezaba a idade moderna, remataba a Reconquista e se descubría o gran continente americano. Son probas “vivas” de que xa daquela Viveiro profesaba firmemente a súa gran fe.

E como contraste coas históricas imaxes, os tres novos pasos que a semana santa viveirenses vai ter desde o presente ano: “As negacións de San Pedro”, “Nosa Señora da Clemencia” e “Nosa Señora da Esperanza”.

Pode que nun sentido estricto non importe tanto a antigüidade como o fervor, a presenza, a testemuña de cada ano dos vividos por todos os presentes. Pero si que importa, se temos en conta que boa parte do voso entusiasmo, das vosas crenzas, do voso sentimento, da vosa paixón, é herdado, transmitido de xeración en xeración, percibido no ambiente da cidade, nas familias... Non é o mesmo crear unha celebración, que saber que o feito no que se participa é o mesmo no que participaron teus pais, teus avós, bisavós, tatarabós... e así ata perderse na néboa da historia. É algo de Viveiro, froito da paixón.

No decurso dos séculos, houbo tempos de fervor e de tibieza, mesmo dependendo das vicisitudes vitais. Carlos Nuevo, o voso cronista oficial, sinala como dificultades para as celebracións de Semana Santa no século XIX, a invasión francesa, os saqueos, a desamortización, a reforma do clero regular, o desmantelamento do poder material da Igrexa e a exclaustración de 1835.

E sen embargo, móvese, que dixo o clásico. E aí está a Semana Santa de Viveiro, como unha das mellores de Galicia, en etapa gloriosa que eclosionou en 1944 e camiña cara ó futuro en imparable progresión.

Quero render homenaxe ás Confrarías viveirenses, herdeiras de tanta tradición e tanto amor pola Semana Santa, tanta paixón en fin: Venerable Orden Terceira (lembranza daqueles vellos franciscanos), Confraría do Rosario (presenza dos dominicos), do Cristo da Piedade, Irmandade do Prendemento, Irmandade da Santa Cruz, Irmandade das Sete Palabras, Confraría do Nazareno dos de fóra e Confraría da Misericordia.

O seu labor, catalizado a través da Xunta de Confrarías, non só consegue poñer no mapamundi paixonal a Viveiro e facer que se coñeza a súa Semana Santa en toda España, senón que agora pretende -e conseguirá- a declaración de “Interese Turístico Internacional” para poder proclamala urbi et orbe.

Antonio Rodríguez Basanta proclama que a Paixón e a conseguinte Pascua é un “paso crucial e dramático, liberador e salvador, deste mundo e desta vida ó Pai. É un proceso de humillación e exaltación, de paixón e gloria, de morte e vida que denominamos acontecemento pascual”.

Pero hai pequenos detalles que cualifican de paixonal a vosa fe, e a vosa Gran Semana.

Un colaborador da Confraría da Misericordia doa unha virxe realizada polo imaxineiro madrileño Francisco Gijón en 2004, e restaurada en Sevilla: Nosa Señora da Clemencia.

A Irmandade do Prendemento estrea unha nova imaxe, “As negacións de San Pedro”, do mestre imaxineiro Antonio Bernal Redondo, que sairá á rúa coa figura do Prendemento.

A Confraría da Santa Cruz ten unha nova imaxe, que unhas crónicas tildan de dolorosa e outra da Esperanza. Sen “coñecela” persoalmente, quédome coa advocación da Esperanza, que é a Virxe que sabe que hai un mañá, un novo amencer, unha “vía lucis” ou Camiño da luz.

Leo na prensa, e xa me diredes se isto non é paixón, crónica sobre os traxes da Virxe: “un traxe de diario de riguroso loito, e outro que lucirá esta Semana Santa, composto por falda cor burdeos e manto morado; e falda e manto de gala aínda por definir”.

E noutro xornal leo a mellor crónica social en versión relixiosa, que indica que o cordobés Antonio Villar Moreno deseñou e confeccionou a vestimenta da imaxe da Virxe da Esperanza, e veu a Viveiro expresamente para vestila. Velaquí o proceso: “Primeiro pónselle a roupa interior e logo a saia e o corpiño, que cubre o peito; os manguitos interiores e as mangas, todos bordados en tisú de prata. Logo, o tocado ou rostrillo, de blonda, encaixe ou lamé; tul, gasa ou organza; e componse do peito, máis o que leva na cabeza. E, finalmente, pónselle o manto, e vai levar unha toca de sobremanto ou mantela, que vai da cabeza ata os ombreiros, cubre a parte de diante e a de atrás. É unha especie de rede ou malla dourada calada, bordada a xogo co manto e a saia, que ten a simboloxía da pureza da Virxe”.

 

Remate: Viveiro de paixón

Falamos de dous tipos de paixón: No sentido clásico, sufrimento pasivo, e no sentido moderno, devoción activa.

E comprobamos que é perfectamente compatible a dualidade coas posibles perspectivas. No sentido clásico, o sufrimento pasivo segue estando no verdadeiro protagonista da Redención e da Paixón. Xesús sofre a paixón, transido, o que a nós nos permite experimentar paixón no novo sentido de acción, como unha devoción hacia a paixón do que sofre, como unha querencia activa por revivir aquel acontecemento.

Que moito habería que analizar na paixón de Cristo como sufrimento pasivo – ou non?-, xa que sofre porque quere que revirta en nós, non porque o precise ou non poida resistirse a ela. Polo tanto hai tamén un grandísimo compoñente de acción na Paixón de Xesús, que renuncia á forza, que renuncia a sí mesmo, pasivamente, para provocar a nosa acción; para provocar a nosa propia Paixón activa.

A Semana Santa de Viveiro é impresionante por concepto e realidade. É impresionante polos séculos de historia que a respaldan, pola relixiosidade dun pobo a través dos séculos e das xeneracións. É impresionante pola magnífica imaxinería con pezas de arte que van marcando o paso da historia artística do país. É impresionante polo traballo das confrarías e polos centos de viveirenses que toman parte activa neste verdadeiro auto de fe. É impresionante polo seu desenvolvemento polas rúas da cidade antiga, ateigadas de xente chegada de deus sabe onde, para contemplar, para participar nun fenómeno de masas, de crentes, de unión, da paixón dun pobo apaixonado.

Pero é especialmente apaixonante porque sabe que despois da paixón, pasado o Via Crucis chega a Vía Lucis, o Domingo de Resurrección, co Cristo resucitado. É a perfecta simboloxía de que a vida segue, que a vida renace despois do holocausto, enriquecida, purificada, vida nova, camiño da Luz. Chegaremos á Pascua, superando a Paixón de sufrir; e quedaranos a paixón activa de acometer, de emprender, de medrar, de vivir. Buscando a Luz, posuíndo a Luz, disfrutando a Luz. A paixón pola Luz, tamén con maiúsculas, como a Paixón.

 

Nos xéneros dramáticos do medievo, as “Paixóns” eran relatos, representacións, esbozos de aspectos destacados da Paixón de Cristo. Eu alomenos agardo que esta miña intervención de hoxe estea sendo unha Paixón de arte menor en loubanza da vosa fe, da vosa paixón, da vosa monumental Semana Santa.

E aínda que boa parte da miña intervención camiñou divagando polo campo profano, non poido esquecer que a primeira intención, o fin último, percorreu territorio divino, ou alomenos espiritual. E que se Viveiro vive unha permanente paixón pola vida, é na Semana Santa cando máis firmemente se manifesta esta “Paixón pola paixón”, que é o obxecto que hoxe aquí nos xunta.

Quédame pechar a miña intervención alterando o significado da paixón de Viveiro, aínda que só sexa a efectos verbais, para responder ó título desta miña presenza ou confesión.

A metonimia é un fenómeno literario que en tempos se chamou “transnominatio”, que consiste en designar un obxecto co nome de outro, sempre que haxa unha relación entre eles. Pode ser cambiar a causa polo efecto, o efecto pola causa, o continente polo contido. E hai outra figura chamada “sinécdoque”, que ven ser tomar o todo polas partes, o xénero pola especie, o plural polo singular. E a tendencia actual é a de mesturar as dúas figuras para forzar aplicacións da lenguaxe.

Como a expresión permite liberdades incribles como a “metosinécdoque” ou “sinecmetonimia”, dame poder para trastocar palabras na oración, aplicando unha singular e irrepetible regla non existente. Eu traslado a vosa paixón a este noso pobo, facendo que a paixón que os viveirenses demostrástedes ó longo da historia, a paixón que cada día do ano amosades respirar, toda esa paixón conxunta se atribúa a Viveiro, que a goza a cotío, que a provoca e consinte, que a contempla e potencia. E polo tanto xa non é Viveiro o recipiendario da paixón senón que é Viveiro como núcleo, como entidade histórica, como conxunto de almas fortes e nobles o que se evidencia como “Viveiro de Paixón”. A paixón, máis ca un complemento, é un sobrenome, unha característica esencial; un atributo para sempre incorporado á alma de Viveiro.

A Semana Santa ferrolá estase publicitando como “Paixón por Ferrol”. E mesmo unha crónica nun xornal titulaba “Pasión por la Semana Santa” a creación en Meira da Confraría da Nosa Señora do Pedregal. Ben está, que a paixón non é exclusiva, aínda que sexa tan forte en Viveiro e en cada un dos viveirenses. E a conclusión de toda esa paixón por Viveiro, é convertir Viveiro nun lugar paixonal, nun lugar onde a paixón se exerce a cotío, onde a paixón é o sentimento máis destacado... Viveiro de paixón é o voso sentimento, o voso merecemento, o voso tratamento colectivo.

Que nunca perda Viveiro, que nunca perdades viveirenses esa paixón que vos anima. Pola Paixón, por tantas cousas, pola vida. Porque se algún día esta vosa e nosa vila deixara de poder chamarse “Viveiro de paixón”, algo vital se tería perdido para sempre. Mais non debemos falar de imposibles, que nunca a Paixón deixará de estar convosco. É inherente a Viveiro; paixón é sinónimo de Viveiro, Viveiro é sinónimo de paixón, despois da paixón que cada ano se renova en cada un de vós; despois dos oito séculos de paixón que vos contemplan.

Que esa paixón nos ilumine ¡Sempre!. E así, por sempre seredes colectivamente, “Viveiro de paixón”.libro2