Skip to Content

Perspectiva histórica da Semana Santa. Santiago II

Autor: 
Vicente Risco. Da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo
Fecha: 
25/03/2009

        Non ofrece a Semana Santa en Galicia o interese que ten noutros lados, e que teñen aquí outras festas. Seguramente se perderon moitas usanzas antigas, deixando pouca lembranza. Hoxe soe ser devota e recollida, e de pouca ostentación.
        Nas aldeas hai pouco lugar a procesións e ceremonias fora da Igrexa. A xente procura adornar e alhaxar os monumentos o mellor que pode, con colchas e cortinas emprestadas, con flores de papel, procurando que teñan follas douradas e prateadas e, sobre todo, con moita cera; os veciños mandan velas á igrexa para que estean acesas diante do Santísimo e recollen despois os cabos e gárdanos na casa para encendelos en caso de tronada, mentras rezan o trisaxio. O Mércores e o Xoves vai a xente ós Oficios de Tinieblas, sobre todo os nenos que levan carracas para armar estrondo cando se apaga a vela derradeira, e onde non levan carracas, ármano con bancos ou batendo as mans.
        Na tarde do Xoves Santo e o Venres polo día, o exercizo que máis adoitan é o do Via Crucis, saíndo en procesión co abade e con cruz alzada, arredor do adro ou polos camiños; en moitos lados hai un camiño determinado para o Vía Crucis sinalado por tantos cruceiros, mellores ou máis sinxelos  como estacións; algúns santuarios, como o dos Milagros do Monte Medo, teñen un Vía Crucis de pequenas capelas con figuras ou retáblos representando os feitos de cada estación.
        Os Vía Crucis van acompañados de cantos, entre os que se atopa moi espallado o que comeza:

Lágrimas de corazón
de corazón las lloremos
para que todos logremos
los frutos de la Pasión.

con estrofas que se van cantando ó pasar dunha estación a outra.
Cántase moito tamén o “Perdón, oh Dios mío” e outros semellantes. Tamén é propio diste tempo o romance da Pasión:

Viernes Santo, Viernes Santo – tres días antes de Pascua
cuando el redentor del mundo – a sus discípulos llama
llamaba uno y uno – dos y dos se le juntaban
desde que los tiene juntos – cena de gloria les daba,
acabaron de cenar – a todos les preguntaba
¿Cuál es el discípulo mío – que muera por mi mañana?
Miran unos para otros – ninguno respuesta daba
solo San Juan Bautista – predicador de montaña,
Por vós moriré, Dios mío – por vós moriré mañana
esa muerte de amarguras – para mí esta guardada.
Viernes Santo por la mañana – Jesucristo caminaba
con una cruz a cuestas – de madera muy pesada,
una corona de espinas – su cabeza traspasaba,
una soga a su garganta – por donde Judas tiraba,
cada vez que Judas tira – Jesucristo se arrodillaba,
descalciño pola neve – desnudo pola xiada
polas calles donde él iba – rastros de sangre deixaba.
En el Monte Calvario – tres Marías lo lloraban
una era Madalena – y otra Marta su hermana
y otra la Virgen pura – la que más pena le daba.
Unha lle lavaba os pés – otra su bendita cara
y otra recogía el sangre – que de Cristo derregaba.
La sangre que de Él caía – caía en caliz sagrado
el hombre que de el bebiese – será bienaventurado
neste mundo será rey – no outro rey coronado.
Quien esta oración dixera – tódolos viernes del año
saca unha alma de pena – i a súa de gran pecado;
el que la sabe y no la dice – y el que la oye y no la aprende
nel día del gran Juicio – no sabe lo que le conviene.

        O Sábado de Groria  levan botellas á igrexa para traer á casa auga bendita de novo, que usan para bendeciren, mollando nela ramos de loureiro ou oliveira, as sepulturas dos difuntos, a casa e os eidos. Nalgús lados procuran tamén encender un tizón no lume novo que se fai na igrexa para poñelo despois na lareira e que conservan sen matar o máis tempo que poden. Ó soaren as campás do Sábado de Groria, en case todos os lados se botan foguetes, e nalgunhas aldeas sae a gaita ou a música. As campás do Sábado de Groria teñen gran importancia nas crenzas da xente, sendo propicias para todas as cousas boas.
        O Domingo de Pascua hai festa en moitos lados. Hai costume de se desexaren felices Pascuas os uns ós outros.
        Neste día, ou noutro diste tempo de Pascua, faise a bendición dos campos, saíndo en procesión os veciños co párroco e o sacristán, cantando a Ladaíña dos Santos, deica un alto onde se vexa toda a parroquia ou a maior parte dela e, desde alí,  ditas as oracións que a Igrexa dispón para este caso, o abade bota a bendición co hisopo ós catro ventos. Moitas veces, os veciños poñen despois, cada un nos seus eidos, cruces, ramos benditos, ou bótanlle auga bendita pola súa conta.
´        É iste tamén o tempo da bendicións das casas. O abade vai co sacristán casa por casa; leva pelliz e estola e o hisopo na man, o sacristán leva a caldereta da auga bendita. Cada veciño pón na porta ou noutro lugar axeitado da casa, unha mesa con mantel, un Crucifijo e dúas velas acesas, e máis unha bandexa cunha ou dúas ducias de ovos, o cal é un dereito antigo do párroco. Noutro tempo, e con seguranza que hoxe tamén en moitos lados, o párroco recollía este día as papeletas de ter cumprido co precepto os da casa, as que soían botar na caldereta da auga bendita. Logo bendecía a casa coas preces de ritual, e collía os ovos que lle parecese, polo regular en proporción á riqueza da casa, ou somente un ou dous como acto simbólico, ou ás veces ningún; máis era mal visto que non llos puxesen.
        Nas vilas e nas cidades, a Semana Santa ten moito máis lucimento. Fora da liturxia indispensable, as ceremonias de máis usanza son: As Tinieblas do Mércores; as ceremonias cívicas dalgunhas igrexas no Encerro do Santísimo; o Lavatorio dos pés a doce probes, feito polo bispo, o deán do Cabildo, o arcipreste ou o abade, según os casos; a visita das igrexas polas autoridades e a xente; todo esto, o Xoves Santo. E o Venres, a representación do Encontro á mañá cedo; a adoración da Cruz; o Sermón das Sete Palabras; a representación do Desenclavo; a procesión do Santo Enterro, e a procesión da Soedade, chamada dos Caladiños. O Sábado non soe ter máis solemnidade pública que o novo Encontro da mañá cedo.