Skip to Content

Á BEIRA DO CAMIÑO, Nosoutros non somos inocentes

Autor: 
Xesús Mato

Acabamos de comezar a Semana Santa do ano Santo/Xacobeo. Ao mesmo tempo dunha forte crise económica, precedida dunha alarmante crise moral/social, hoxe globalizada.
Para os cristiáns, son días de paixón  e gloria. Tempo de graza, de facer memoria e de celebrar. Celebración e memoria dunha historia real que segue presente, actualizada con máis virulencia neste noso mundo. No medio de moitas debilidades, miserias e mesmo incoherencias. Estamos a vivir tempos baleirados da verdadeira esencia e profundidade do Misterio da  Redención e debilmente asentada nunha morea de tradicións mesturadas de fenómenos de tipo folclórico e relixioso. Incluso, con fines económico/turísticos.
 
Estamos a vivila de moitos xeitos. Abondan os que pasan de todo, os que a aproveitan para descansar e/ou mudar de vento, os que gozan coas longas procesións e desfiles das confrarías cos seus grandes pasos e imaxes. Tamén os que toman esta semana en serio e asumen o Acontecemento meirande da humanidade e celebran con fe e esperanza.
 
A Semana Santa está chea de feitos e personaxes reais. Esa historia está a se reproducir,  na sociedade actual. A mesma ou semellante paixón e morte de Xesús, o Cristo, están a padecer milleiros de persoas de todas razas e cores. Os cristos crucificados actuais están á vista nos laios dos pobres, nos abusos e a traizóns dos poderosos. Tamén na abondosa xenerosidade dos sinxelos. Os sentimentos de Xesús seguen tamén felizmente presentes. 
 
Se somos cristiáns convencidos e fieis á tradición cristiá de Occidente decatarémonos do que significa o feito humano/divino, real/histórico de Xesús vivido hai dous mil anos e que cómpre celebrar e agradecer onde queira nos atopemos cada un de nosoutros. O Salvador chega coma un servo montado nun burriño ( domingo de Ramos) para ser loado e aclamado polos pobres e por todos os que cren e esperan a súa liberación. O Cristo chega para, coa súa paixón morte e resurrección, liberarnos a todos e todas. Crentes e non crentes. Sen excepcións e/ou exclusións. 
 
Xesús veu ó mundo para se entregar totalmente. A dar a vida por todos. Para amosar a  súa fidelidade a Deus e á persoa humana. Está a favor noso, non en contra. Veu para mostrar camiños de verdade, xustiza, paz, irmandade...Non veu a xulgar nin a condenar a ninguén. Sae ó noso encontro para mostrarnos os vieiros que levan á Pascua.
 
A Igrexa, santa e pecadora (no esquezamos que “Igrexa somos todos”) está a vivir a súa paixón. Estamos a experimentala, con máis/menos realismo. As causas son sempre as mesmas. Temos que ter a valentía de asumir a indignidade e crueldade dos feitos para que brille a verdade. Debe (debemos) abrazar a propia cruz (e a dos irmáns) ao xeito, dignidade, grandeza e coherencia de Xesús. Todos nosoutros estamos implicados. Sobre  todo os que somos conscientes (ou, polo menos, coñecedores) do que aconteceu con Xesús noutrora e acontece agora. Non somos inocentes coma Xesús. Cómpre asumir os erros e as fallas de comprensión e amor que estamos a vivir. Temos de converternos en cireneos, verónicas, santas mulleres... para sermos quen de enxugar tantas bágoas e manter a esperanza a tantos crucificados (tamén inocentes!) do noso tempo. Sabemos quen son e onde están. Velaí o camiño que leva á liberación (salvación) da Humanidade.